O actual local da Federación Itaca foi construído coas aportacións económicas e o traballo individual dos soci@s de Itaca, A Troita Armada e Carricanta. Ao longo dos últimos 13 anos sufriu sucesivas remodelacións que o convertiron nun local acolledor e moderno, que serve de sede das tres asociacións e tamén como lugar de encontro de múltiples asociacións e colectivos da cidade.
O local está dividido en dous andares:
No primeiro andar, que ocupa 150m², ubícanse a oficina da Federación, os baños, o espazo de Carricanta e o espazo da asociación xuvenil Itaca. Este dispón de espazos de biblioteca, ludoteca, obradoiros e un gran espazo de xogos.
Na planta baixa está o local da Troita Armada, con 70m². Dispón dunha cociña totalmente equipada, despensa e un amplo espazo común que se usa como comedor, sala de reunións e charlas, etc.
O resto da planta baixa está ocupada pola horta, con 170m².